saltar ao contido

Parlamento de Galicia e COGAMI colaborarán na inserción laboral de persoas con discapacidade

Sinatura convenio 12/03/2018

• Os presidentes da Cámara Lexislativa e de COGAMI asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de asesoramento e apoio na inserción laboral de persoas con discapacidade na Administración parlamentaria
 
• O Parlamento acolleu o pasado sábado o primeiro exercicio do proceso selectivo para a provisión dunha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual
 
Santiago, 12 de marzo de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e mailo presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) Anxo Queiruga, asinaron este mediodía un protocolo de colaboración para a realización de actividades de asesoramento e apoio á inserción laboral de persoas con discapacidade na Administración parlamentaria.
 
En virtude deste acordo, COGAMI colaborará co Parlamento en actividades encamiñadas á adaptación e desenvolvemento das funcións das persoas con discapacidade que puideran prestar servizo na Cámara galega, ben como traballadores/as ou como persoal en prácticas e/ou formación.
 
Estas medidas poderán incluír a realización de cursos de formación, apoio na inserción e adaptación efectiva ao posto de traballo, seguimento do desempeño da actividade laboral  ou a realización de talleres prácticos dirixidos ao persoal  que realice funcións de referencia no entorno do posto que desempeñen persoas con  discapacidade.
 
Aposta do Parlamento pola integración
 
O convenio asinado hoxe enmárcase na aposta do Parlamento de Galicia por contribuír, e dar exemplo, na integración laboral das persoas con discapacidade, máis aló dos mínimos obrigados pola normativa en vigor.
 
A sede do Parlamento de Galicia acolleu o pasado sábado o primeiro exercicio do proceso selectivo convocado para a provisión dunha praza de uxier reservada para persoas que acrediten algunha discapacidade intelectual.
 
Ao tempo, unha das oito bolsas para a formación práctica no Parlamento de Galicia está reservada para persoas con discapacidade intelectual.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina