saltar ao contido

O Parlamento e a Axencia Tributaria de Galicia intercambiarán datos para simplificar os trámites de empresas, entidades e particulares

Administracion electrónica 13/06/2018

 
• O presidente do Parlamento de Galicia e o conselleiro de Facenda asinaron un convenio de colaboración para seguir desenvolvendo a administración electrónica e avanzar en eficiencia e eficacia na prestación dos servizos públicos
 
Santiago, 13 de xuño de 2018.- A Axencia Tributaria de Galicia facilitará á Cámara galega datos de carácter tributario que poidan resultar necesarios para a tramitación de determinados procedementos por parte da Administración do Parlamento de Galicia, segundo se establece nun convenio de colaboración asinado este mediodía polo presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez García. Esta cesión de datos realizarase sempre previa autorización do contribuínte.
 
As medidas contempladas no convenio beneficiarán especialmente ás empresas que resulten adxudicatarias de contratacións administrativas e demais entidades ou persoas que establezan vínculos de carácter económico co Parlamento de Galicia, xa que a partir de agora non terán que facilitar determinada documentación, como son os certificados de non ter débedas pendentes coa Facenda autonómica.
 
O Parlamento de Galicia ten adoptado acordos similares no ámbito da simplificación e axilización de procedementos coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
 
A adopción deste tipo de medidas permite ao Parlamento de Galicia avanzar no desenvolvemento da Administración electrónica baixo os principios de eficiencia e eficacia na xestión dos recursos públicos, e tamén na procura de simplificar os trámites esixidos a empresas, entidades e particulares.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina