saltar ao contido

Santalices destaca a transcendencia da Lei de Normalización e sinala que “todo o que empurremos en favor da nosa lingua é pouco”

acto conmemorativo do 35 aniversario da aprobación da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística 15/06/2018

 
• O presidente do Parlamento participou en Redondela nun acto conmemorativo do 35 aniversario da aprobación da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística

Santiago, 15 de xuño de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía, na Casa de Cultura de Redondela, na conmemoración do 35 aniversario da aprobación da Lei 3/1983, de Normalización Lingüística. O acto institucional contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta e o alcalde de Redondela, entre outras personalidades.
 
O titular da Cámara destacou a transcendencia desta norma, que converteu o galego en lingua de uso cotián. Lembrou que, no Parlamento, todas e todos os deputados falan galego. “Todo o que empurremos en favor da nosa lingua é pouco”, afirmou.
 
Exemplo de consenso parlamentario
 
Santalices Vieira recordou que a Lei de Normalización Lingüística foi aprobada por unanimidade nun Parlamento de Galicia sen maioría, converténdose en exemplo de consenso por parte de deputados e deputadas que “foron quen de aparcar as súas diferenzas e chegar ao consenso” para “devolver a plenitude de dereitos á nosa lingua”, como afirmara daquela Ramón Piñeiro.
 
O presidente do Lexislativo agradeceu o labor de todas as persoas que traballan a prol da lingua, cun especial recoñecemento aos técnicos de normalización de Redondela, o  primeiro concello de Galicia en contar cun técnico de normalización lingüística, razón que animou a celebrar este acto conmemorativo.
 
O titular do Parlamento de Galicia apuntou tamén que o Lexislativo continúa dando pasos a prol do galego. Neste punto, puxo como exemplo a Lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade no ano 2014 co obxectivo de potenciar a relación de Galicia con Portugal e co mundo lusófono.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina