A visita responde a unha invitación do novo presidente da entidade, Carlos Mandianes
Santiago, 3 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, efectuou esta tarde unha visita ao Centro Galego de Barcelona, durante a que mantivo un encontro co novo equipo directivo da entidade e se interesou polo traballo que desenvolven e os proxectos de futuro.
A visita responde a unha invitación formulada polo actual presidente do Centro Galego de Barcelona, Carlos Mandianes, logo de acceder a ese cargo.
Santalices reiterou a “débeda de gratitude” que Galicia mantén co Centro Galego de Barcelona que, desde a súa fundación en 1892 “actuou e actúa como faro e guía para a nosa cultura, tamen como lar agarimoso para tantos paisanos que sofriron o desarraigo en carne propia nos primeiros tempos da emigración”.
Durante o encontro, o presidente do Centro Galego de Barcelona entregou a Santalices un exemplar do libro Portela Valladares: Ante el Estatuto, editado polo Centro Galego de Barcelona coa colaboración do Parlamento. O libro, do que é autor Manoel Carrete, reproduce unha conferencia pronunciada por Portela Valladares no Centro Galego de Barcelona en 1932 e inclúe un estudo introdutorio sobre a figura do conferenciante.