saltar ao contido

O presidente do Parlamento presenta en Castro Caldelas o libro “Portela Valladares: Ante el Estatuto”

Presentación 27/10/2018

• O volume é obra de Manuel Carrete e, ademais dun achegamento á figura de Portela Valladares, reproduce unha conferencia deste no Centro Galego de Barcelona
 
• Santalices rende homenaxe “a cantos fixeron posible o Estatuto do 36”, ao que Galicia debe a súa consideración como Comunidade histórica
 
Santiago, 27 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou esta tarde no Castelo de Castro Caldelas, o libro “Portela Valladares: Ante el Estatuto”. Trátase dunha obra de Manuel Carrete Rivera que, ademais dun achegamento á figura de Portela Valladares e outros materiais, inclúe unha conferencia que este pronunciou no Centro Galego de Barcelona o 25 de xullo de 1932.
 
Santalices referiuse a Portela Valladares como un “home de profundas conviccións galeguistas e firme defensor da autonomía galega” que como tal “merece o noso recoñecemento”.
 
A xuízo do presidente do Parlamento de Galicia son merecedores de recoñecemento “cantos fixeron posible o Estatuto do 36 (plebiscitado, pero non promulgado por mor do estourido da Guerra Civil), grazas ao que Galicia obtivo, coa chegada da democracia, a consideración de comunidade histórica e, como tal, as elevadas cotas de autogoberno das que arestora dispoñemos e exercemos”.
 
Para Santalices, Portela Valladares foi unha personalidade “controvertida” para gran parte dos seus coetáneos. “Ata tal punto foi así que falanxistas e republicanos o cuestionaron. Seguramente por iso caeu no esquecemento”.
 
Explicou o titular do Lexislativo galego que coa decisión de presentar o libro en Castro Caldelas se pretende, ao tempo, reivindicar a figura de Manuel Casado Nieto,  un home polifacético nado nesta localidade en 1912 e falecido en Barcelona en 1983.
 
Escritor, tradutor da Biblia ao galego, fiscal da Audiencia de Barcelona e presidente do Centro Galego de Barcelona entre 1954 e 1972, Casado Nieto foi, “sobre todo, galego bo e xeneroso, sempre comprometido coa galeguidade”, en palabras de Santalices.
 
“Estou seguro –afirmou Santalices- de que o Centro Galego de Barcelona nunca tería chegado a ser o que é hoxe sen o traballo e a entrega dun home de Castro Caldelas ao que moitos dos aquí presentes recordarán, Manuel Casado Nieto, un dos tres homenaxeados no Monumento aos Maxistrados, situado ao carón da Igrexa dos Remedios”.
 
O libro presentado esta tarde foi editado polo Centro Galego de Barcelona coa colaboración do Parlamento de Galicia.
Na presentación, ademais do presidente do Parlamento, tomaron tamén a palabra o autor do libro, Manoel Carrete; a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García. O acto contou coa actuación musical de Amancio Prada.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina