• O Parlamento acolle esta tarde un coloquio entre Ana Pastor e José Bono con motivo do 40 aniversario da Constitución española
Santiago, 29 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Gailcia, Miguel Ángel Santalices Vieira, apuntou esta tarde que a transición española á democracia e a Constitución do 78 dotaron a España do “período de maior estabilidade, crecemento e prosperidade de toda nosa historia”. Santalices efectuaba esta reflexión na tarde de hoxe ao dar paso ao coloquio protagonizado pola presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e o expresidente da Cámara José Bono, que conversaron, no Pazo do Hórreo, sobre o 40 aniversario da Constitución nun encontro organizado por El País e a Cadea SER.
O presidente do Parlamento de Galicia quixo enfatizar o éxito da transición española. “Non está de máis recordalo – dixo- nun momento no que con tanta frivolidade como oportunismo se cuestiona a lexitimidade de aquel logro de proporcións históricas, visto moitas veces como modelo fóra das nosas fronteiras”.
Afirmou o presidente do Parlamento que “os que fomos testemuñas dos últimos estertores do franquismo, e tamén os que nos sentimos orgullosos das profundas conviccións galeguistas e democráticas das nosas familias, acreditamos o exercicio de xenerosidade de cantos, con enorme altura de miras, construíron o Estado de Dereito que, hoxe en día, ampara a todos os españois”.
Santalices agradeceu aos organizadores ter optado polo Parlamento para celebrar este coloquio, que vinculou á política de portas abertas impulsada pola institución. O acto enmárcase, ademais, nun acordo do Pleno da Cámara galega, a través do que a institución comprometía o seu apoio ás diferentes celebracións de conmemoración do 40 aniversario da vixente Carta magna. “As portas do Parlamento están abertas a calquera outro acto de significación similar”, agregou o titular do Lexislativo galego.
Apuntou o titular do Parlamento de Galicia que “os que creemos na democracia e reivindicamos con vehemencia os principios consagrados na Constitución xamais debemos temer a liberdade nin a pluralidade”. Por iso, agregou, “mentres noutros lugares se pisa a liberdade, cercénase o debate e ralentízase a actividade parlamentaria, aquí estimúlase o debate parlamentario –aí están os datos de actividade que o demostran-, impulsamos a participación cidadá e estamos abertos a fórmulas novidosas como a que nuns momentos vai dar comezo”.
O papel dos medios de comunicación
Santalices Vieira enxalzou tamén o papel dos medios de comunicación e dos xornalistas “nun entorno que en ocasións parece dominado polas noticias falsas”. Ao seu xuízo, “tomar conciencia do papel dos medios, saber encaixar as críticas e respectar escrupulosamente o cometido dos profesionais que exercen o xornalismo con honestidade procurando trasladar información veraz resulta unha necesidade ineludible para o conxunto da sociedade, en xeral, e para as institucións en particular”.