• O presidente da Cámara anima a deputadas e deputados a facer discursos con “contido e argumentación sólida”
Santiago, 7 de agosto de 2020.- O Parlamento de Galicia celebrou esta mañá a sesión constitutiva da XI Lexislatura da Cámara. O acto comezou coa constitución da Mesa da Idade, a elección da Mesa da Cámara para a Lexislatura que comeza e a prestación e promesa ou xuramento, por parte de todos os deputados e deputadas, de acatar e gardar fidelidade á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia.
A composición da Mesa do Parlamento de Galicia é a seguinte:
Presidencia: Miguel Ángel Santalices Vieira
Vicepresidencia 1ª: Diego Calvo Pouso
Vicepresidencia 2ª: María Monserrat Prado Cores
Secretaría: María Corina Porro Martínez
Vicesecretaría: Marina Ortega Otero
Cara o final do Pleno, o presidente da Cámara agradeceu, nunha breve intervención, a súa reelección para presidir a Cámara e xustificou as medidas implantadas no Hemiciclo para a prevención da covid-19, ao tempo que trasladan á sociedade a necesidade de cumprir a normativa e respectar as recomendacións sanitarias neste ámbito.
Desde a súa experiencia, Santalices Vieira recomendou a deputadas e deputados articular discursos parlamentarios “que teñan contido e argumentación sólida”, sen estridencias, “desde as discrepancias lóxicas, pero mantendo a dignidade da Cámara”, Amosouse convencido de que a lexislatura que comeza será “a d as persoas” e fixo votos por estar á altura da confianza recibida, tanto él como o resto de deputadas e deputados.
Antes de rematar a sesión, o Pleno da Cámara gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas da covid-19 e escoitouse o himno galego.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.