saltar ao contido

Santalices convida a ANFACO-CECOPESCA a trasladar propostas á comisión de reactivación do Parlamento

Medallas ANFACO-CECOPESCA 2020 09/10/2020

 
Santiago, 9 de outubro de 2020.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía en Vigo no acto de entrega das Medallas de ANFACO-CECOPESCA 2020, onde convidou a esta organización e aos seus asociados a trasladar as propostas do sector aos diferentes órganos da Cámara.
 
Santalices recordou que estas propostas poden resultar especialmente interesantes tanto para a Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19, constituída onte, como para a Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo.
 
A Lexislatura das persoas
 
O titular da Cámara galega reiterou que a Lexislatura recentemente constituída deberá ser a das persoas, o que obriga aos diferentes grupos parlamentarios a buscar puntos de encontro, máxime nun escenario marcado pola covid-19, no que á crise sanitaria se suma a crise social e económica derivadas da pandemia.
 
Insistiu Santalices en que o Parlamento e os seus 75 deputados e deputadas teñen a obriga de facerse presentes no día a día da sociedade galega, ao tempo que animou á cidadanía a achegarse á Cámara a través dos diferentes mecanismos de participación habilitados.
 
Recordou que o Parlamento de Galicia recibiu, no ano 2017,  a Medalla de Ouro de ANFACO-CECOPESCA como recoñecemento ao labor da institución.
 
No acto celebrado este mediodía no Círculo de Empresarios de Galicia, o presidente do Parlamento entregou unha das medallas de bronce de ANFACO-CECOPESCA a Visitación Cancela Rodriguez, traballadora de Calvo Conservas desde 1972. Tamén recibiron cadansúa medalla de bronce Ángeles Santos Tubío, traballadora de Jealsa desde 1974; e Josefa Costa Nieto, traballadora de Calvo Conservas desde 1971. A Medalla de Prata desta edición correspondeu a Clara Eugenia Aguilera García, eurodeputada e membro da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo; mentres que a Medalla de Ouro foi outorgada á Axencia Galega de Innovación.
O acto foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina