saltar ao contido

O Parlamento recuperará as campañas de prevención do melanoma cando a situación epidemiolóxica o permita e anima a extremar a prevención

Euromelanoma 2021 14/07/2021

 
• O presidente da Cámara reunise este mediodía co conselleiro de Sanidade, e coa Dra. Flórez Menéndez, coordinadora da campaña Euromelanoma en España, e o Dr. Vázquez Veiga, ambos impulsores desta iniciativa en Galicia
 
• Animan a deputadas e deputados a sumarse á campaña Euromelanoma 2021 “Misión Amarte”, impulsada pola Academia Española de Dermatoloxía a prol da autoprotección e coidado da pel
 
Santiago, 14 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia, que xa acolleu cadansúa campaña de prevención do melanoma nos anos 2018 e 2019, volverá impulsar iniciativas deste tipo en canto a situación epidemiolóxica o permita.
 
Así o acordaron este mediodía o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira; o conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña; a Dra. María Ángeles Flórez Menéndez, coordinadora da campaña Euromelanoma en España e xefa do Servizo de Dermatoloxía da EOXI de Pontevedra e O Salnés; e o Dr. Hugo Alberto Vázquez Veiga, xefe do Servizo de Dermatoloxía da EOXI de Santiago e Barbanza,  os dous impulsores da campaña Euromelanoma en Galicia, unha plataforma científica para o desenvolvemento de actividades de prevención do cancro de pel que xurdiu en Bélxica en 1999 e na que participan arredor dunha trintena de países europeos.
 
A situación derivada da covid-19 obrigou a suspender as actividades presenciais como as programadas no marco da campaña Euromelanoma  en anos anteriores, nas que dermatólogos realizaban exploracións da pel para concienciar á sociedade sobre a importancia da detección e tratamento precoz de posibles lesións na pel.
 
Hábitos saudables
 
Os expertos insisten na importancia de implantar hábitos saudables de exposición solar, intensificar a autoexploración da pel e extremar as precaucións para evitar o cancro cutáneo. Esta patoloxía pode aparecer a calquera idade, aínda que é máis frecuente en persoas maiores de 50 anos e sometidas a unha prolongada exposición solar.
 
A incidencia do cancro de pel nas poboacións de pel banca increméntase ano tras ano desde mediados do século XX. O cancro cutáneo ocupa o número un no ranking de tumores de maior incidencia en caucásicos e calcúlase que aproximadamente o 50% das persoas maiores de 65 anos chegarán a desenvolver unha patoloxía deste tipo. En Galicia, no primeiro  semestre de 2021 rexistráronse 193 casos de melanoma.
 
Sete falecementos diarios en España no ano 2018
Segundo datos publicados pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), no ano 2018 o melanoma provocou 7 mortes diarias, mentres que os accidentes de circulación dese ano ocasionaron 5 falecidos ao día.
 
Chamamento a deputadas e deputados
 
Os participantes no encontro celebrado este mediodía no Parlamento de Galicia animaron ao conxunto dos representantes públicos, e particularmente ás deputadas e deputados da Cámara, a sumarse á campaña Euromelanoma 2021 “Misión Amarte”, impulsada pola Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía. Esta adhesión pode canalizarse sumándose ás iniciativas que se desenvolven nas redes sociais, e tamén informándose e difundindo mensaxes de apoio á autoprotección, coidado e autoexploración da pel.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina