II Encontro Mundial de Médicos Galegos 05/05/2022
• O presidente do Parlamento de Galicia interveu esta tarde no acto de inauguración do II Encontro Mundial de Médicos Galegos
Santiago, 5 de maio de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta mañá no acto de inauguración do Segundo Encontro Mundial de Médicos Galegos organizado por ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos) que se celebra en Santiago de Compostela ata o día 7 de maio.
O presidente da Cámara trasladou o seu “agradecemento sincero” a todo o equipo de ASOMEGA pola organización dunha “cita de dimensión universal, tan universal como a diáspora galega”·
O traspaso de competencias sanitarias, un antes e un despois
Lembrou Santalices a etapa previa ao traspaso de competencias sanitarias á Xunta de Galicia, unha época “de moitas carencias na sanidade pública galega o que obrigaba a apelar á galeguidade solidaria de moitos médicos galegos que exercían fora das nosas fronteiras xeográficas na procura de tratamentos punteiros” e na que, en consecuencia, “a excelencia clínica e solidariedade salvaron moitas vidas de enfermos galegos”.
Referiuse logo Santalices ao traspaso a Galicia das competencias referentes á asistencia sanitaria como un “antes e un despois, sempre para mellor, para o conxunto de galegas e galegos”. Así é hoxe que a rede pública galega conta con “equipamentos sanitarios - técnicos e humanos- punteiros que resisten calquera comparación e superaron satisfactoriamente o test de estrés da recente pandemia” subliñou Santalices Vieira.
40 anos de autonomía
Quixo tamén o presidente do Parlamento de Galicia recordar que “Galicia vén de celebrar os 40 anos da súa autonomía, consecuencia do pacto constitucional articulado por todos os españois a partir do exemplo de entendemento e concordia que caracterizou a transición da ditadura á democracia”.
“A autonomía sentoulle moi ben á sanidade pública galega”, destacou Santalices, quen recalcou a importancia dun modelo descentralizado no que as decisións sanitarias se adoptan “a pé da rúa, ao carón da xente coñecendo perfectamente as súas necesidades”. Loou o “sentidiño” que “definiu e continua a definir o traballo dos responsables autonómicos”.
Avance en todos os ámbitos “pero moi especialmente no da medicina”, dixo Santalices Vieira, ata contarmos hoxe cunha “completa rede asistencial -pública, universal e gratuíta- perfectamente equiparable a calquera outra”.
Profesionais ao servizo das persoas
O presidente da Cámara pechou a súa intervención engadindo que ningún destes avances sería posible “sen a implicación activa do elemento máis valioso da nosa sanidade: os profesionais que poñen o seu mellor talento ao servizo das persoas”. Talento para “recuperar a saúde e para impulsar hábitos de vida saudable, un dos retos do século XXI”, concluíu Santalices.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.