saltar ao contido

Santalices: “Todo o Parlamento recoñece a fazaña protagonizada pola emigración galega”

VI Día da Galicia Exterior 11/07/2022

• O presidente do Parlamento participou este sábado na celebración do VI Día da Galicia Exterior

Santiago, 8 de xullo de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Viera, participou este sábado nos diferentes actos organizados en Santiago co gallo do VI Día da Galicia Exterior, que comezaron cunha recepción no Hostal dos Reis Católicos e continuaron cunha misa na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.
 
Ante unha representación dos participantes nesta xornada, presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, Santalices Vieira explicou que “represento a unha Cámara plural, na que cada un dos tres grupos parlamentarios defenden -con toda lexitimidade- plantexamentos moitas veces diverxentes, pero créanme que todas e todos defendemos e recoñecemos a fazaña protagonizada por vostedes e polo colectivo ao que representan: a emigración galega de todos os tempos; homes, mulleres e nenos valentes que, case sempre forzados por circunstancias adversas, víronse na obriga de deixar a terra nai, a familia e os amigos na procura de oportunidades que aquí escaseaban. Outros, en momentos dramáticos da nosa historia, foron abocados ao exilio”.
 
Esforzo, honestidade e traballo
 
O presidente do Parlamento recordou que “alén, uns e outros, partindo de cero, sempre con esforzo, con honestidade, e traballando ata extenuación, ergueron un novo proxecto de vida, pero sen perder nunca de referencia a terra nai,  a que os viu nacer e na que repousan os seus devanceiros”.
 
Por iso, Santalices Vieira considerou natural que o Parlamento concedese por unanimidade á emigración galega no seu conxunto unha das primeiras medallas da Cámara galega, a correspondente á edición de 2019, tratando así de “recoñecer a débeda que a Galicia territorial mantén coa Galicia universal, unha débeda poliédrica, con reminiscencias históricas, pero tamén sociais, económicas e culturais”.
 
Nesta liña, gabou a organización da xornada de hoxe dado que, na súa opinión, “este Ano Santo quedaría incompleto sen incorporar formalmente a Galicia Exterior”.
 
Santalices vieira rematou a súa intervención agradecendo o labor da emigración galega, “polo que fixeron, polo que fan e polo que, sen dúbida, seguirán facendo no futuro”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina