• “As catro primeiras décadas da autonomía de Galicia permitiron que frutificase un auténtico rexurdimento da lingua e da cultura galegas”, afirma o presidente do Parlamento de Galicia nun acto conmemorativo do 137 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro
• “Pouco ou nada do logrado tería sido posible sen a conciencia que ela espertou entre as xeracións que a sucederon”
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou hoxe en Padrón no acto conmemorativo do 137 aniversario do pasamento da escritora e poeta Rosalía de Castro. “É unha honra” – afirmou Santalices – “e tamén un privilexio, sumarmos a esta conmemoración nun serán de lembranza, pero sobre todo de homenaxe e de enxalzamento da máis universal das nosas poetisas”.
O titular do Parlamento recordou durante a súa intervención o firme e decidido compromiso da institución parlamentaria “con Rosalía, coa súa obra e con todo o que representa o universo rosaliano”. “Razón – engadiu – que nos levou a incorporar a súa figura á programación cultural da primeira institución de Galicia”. “Fixémolo en 2013 participando na coedición dun facsímil de Cantares Gallegos, fixémolo posteriormente plantando unha figueira de Rosalía no xardín botánico do Parlamento, e fixémolo en datas recentes organizando un recital da obra poética de Rosalía na sede do Lexislativo”.
Santalices manifestou a súa vontade de continuar a traballar nesta liña, “se o presidente da Fundación o considera, porque a alma de Galicia está impregnada da obra e do sentimento rosaliano”.
Identidade e autonomía
Quixo aproveitar a ocasión o presidente da Cámara para recordar que “vimos de conmemorar as catro primeiras décadas da autonomía de Galicia, que botou a andar coa promulgación do vixente Estatuto o 6 de abril de 1981. Son 40 anos nos que os acertos superaron amplamente os erros, e 40 anos, tamén, que frutificaron nun auténtico rexurdimento ―segundo rexurdimento, cómpre puntualizar― da lingua e da cultura galegas, os nosos principais sinais de identidade como pobo”.
“Son dos que pensa que nada disto tería sido posible sen a sementeira prolífica de autores como Rosalía, pero moi especialmente Rosalía. Galicia e os galegos tomamos conciencia de nós grazas a Rosalía”.
“Seguramente – engadiu o presidente Santalices - pouco ou nada do logrado ao longo destes 40 anos de autogoberno tería sido posible sen a conciencia que Rosalía espertou entre as xeracións que a sucederon”.
Santalices Vieira mostrou tamén o seu agrado ante a elección de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, recordando que foi este quen propuxo a instauración desa data para homenaxear a Rosaĺía de Castro no centenario de Cantares Gallegos.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.