saltar ao contido

O presidente do Parlamento de Galicia participa no Senado na entrega dos premios “Montero Ríos” e “Iurisgama”

14/12/2022

​Santiago, 14 de decembro de 2022.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou este mediodía na sede do Senado, en Madrid, no acto de entrega do premio “Montero Ríos” a José Manuel Sieira Míguez, maxistrado emérito do Tribunal Supremo, e do Premio “Iurisgama” a Julio Padilla Carballada, coronel auditor do Corpo Xurídico Militar. Canda Santalices, interviñeron no acto a ministra de Defensa, Margarita Robles, e o vicepresidente segundo e  conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo.

 

Na súa intervención, Santalices felicitou ao presidente de Iurisgama (Asociación de Xuristas Galegos en Madrid), Carlos Lema Devesa, polo traballo que desenvolve esta organización. “Os integrantes de Iurisgama acreditan -afirmou o presidente do Parlamento- que Galicia foi e segue sendo berce de excelente xuristas; poñen de manifesto a vitalidade da comunidade galega asentada en Madrid; e lémbrannos que neste mundo sen fronteiras, o universal é compatible co local”.

 

Santalices Vieira reiterou que “represento a unha institución que cree profundamente na autonomía pero, ao mesmo tempo, somos absolutamente leais coas restantes institucións do Estado, de acordo coa letra e co espírito da Constitución española”. Nesta liña, agregou que o respecto ao conxunto do ordenamento xurídico resulta “determinante”.

 

O presidente do Parlamento de Galicia trasladou os seus parabéns aos galardoados cos premios “Montero Ríos” e “Iurisgama” e subliñou a “excelencia”” que caracteriza as súas carreiras profesionais.

 

​​​Saúdos, Gabinete de Comunicación.​


Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina