saltar ao contido

Santalices enfatiza a “excelencia do noso sistema sanitario público"

23/04/2024

  • O presidente do Parlamento de Galicia participou na entrega do V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía á Dra.  Ana Belén Cid, cardióloga do CHUS e investigadora do IDIS

 

Santiago, 22 de abril de 2024.-  O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, participou esta tarde en Santiago no acto de entrega do V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía á Dra. Ana Belén Cid Álvarez, cardióloga do Hospital Clínico e investigadora do IDIS, por un traballo sobre a reparación valvular mitral percutánea.

 

Santalices subliñou a “excelencia do noso sistema público, que todos coñecemos e que todos temos a obriga de preservar". O presidente do Parlamento recordou que, tradicionalmente, Santiago de Compostela e a Escola Médica Compostelana, eran coñecidos como a “fonte limpa" á que acudían enfermos con patoloxías complexas para recuperar a saúde. “Hoxe -afirmou- podemos dicir, e aos  feitos me remito, que a totalidade do sistema público se converteu e actúa como a `fonte limpa' do século XXI".

 

Santalices felicitou á galardoada, a Dra. Cid, da que destacou a “excelencia do seu traballo", tanto no ámbito clínico, como no investigador.

 

O tempo, agradeceu a Ramiro Carregal o patrocinio do premio de investigación en cardioloxía,  e do galardón irmá, o premio de investigación en oncoloxía, iniciativas, entre outras, que poñen de manifesto o carácter xeneroso deste mecenas.

 

“Galicia precisa de moitos empresarios como Ramiro Carregal, porque os empresarios constitúen un motor fundamental para a economía, para a sociedade e para a calidade de vida que desfrutamos no primeiro mundo", agregou Santalices.

 

 

​ 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.




Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina