10/05/2024
Santiago, 10 de maio de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, afirmou este mediodía en Vigo, no acto de entrega das Medallas ANFACO-CECOPESCA, que esta organización e as 250 empresas que a integran “constitúen un auténtico orgullo" na medida en que contribúen de maneira destacada ao liderado internacional da Comunidade no complexo mar-industria.
Para Santalices, este liderado é o froito do traballo de todos os axentes implicados: “dos empresarios e traballadores, dos mariñeiros e mariscadoras, dos investigadores, das universidades e de tantas e tantas persoas que cada día poñen o seu grao de area para que falar de Galicia sexa sinónimo de calidade e de traballo ben feito".
O presidente do Parlamento de Galicia recordou que o recente informe Europa, máis que un mercado, elaborado polo ex primeiro ministro italiano Enrico Letta, a petición do Consello Europeo, considera crucial aproveitar o potencial das fortalezas en investigación e desenvolvemento.
Nesta liña, Santalices apuntou que tecnoloxía, coñecemento, innovación e produción de proximidade constitúen o sinal de identidade de ANFACO-CECOPESCA que, co seu traballo, contribúe a “edificar un futuro de esperanza para Galicia, para España e para a Unión Europea".