25/07/2024
Santiago, 25 de xullo de 2024.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, intervíu hoxe, en representación do Rei Felipe VI, na Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago. Durante a súa intervención, pronunciada no transcurso da cerimonia litúrxica celebrada na Catedral de Santiago, o oferente reclamou “rectitude" e “honestidade" na procura dunha sociedade máis xusta, harmoniosa e inclusiva.
Na súa intervención, sinalou que “para unha terra que é meta de camiños ―precursores da globalización― que durante séculos contribuíron a forxar o espírito europeo e xogaron tamén un papel protagonista na configuración da nación española, reafirmar a Galicia autonómica, plenamente integrada na España constitucional e nunha Europa unida, tórnase un sentimento natural".
“Unha España –agregou Santalices- que sexa capaz de atopar un camiño de concordia, no que todas as sensibilidades teñan acomodo dentro do respecto a lei, onde a diversidade ideolóxica, cultural, lingüística, histórica, económica ou de xénero sexan sempre factores de enriquecemento e xamais de ruptura ou enfrontamento entre iguais". “Unha España -engadiu- na que todas e todos gocemos dos mesmos dereitos e teñamos acceso a prestacións e servicios públicos semellantes, con independencia da idade ou do lugar de residencia".
Como oferente, referiuse á crecente presión migratoria que, apuntou, “debería constituír tamén un aldabonazo nas nosas conciencias". “Urxe -engadiu- consenso, sentido común e xenerosidade de ámbito nacional" para abordar esta cuestión.
Santalices lembrou que “o mundo chora polas vítimas inocentes ás que decote se lles arrebatan as súas vidas nos conflitos armados, sexan civís ou soldados, nenos, mozos ou persoas adultas. Seres humanos privados do dereito máis elemental: o dereito á existencia". “Sexa en Ucraína, en Palestina ou en Israel, sexa noutros lugares onde se libran guerras silenciadas, o mundo clama pola paz", sentenciou.
Así, pediu pola paz e porque se respecten os dereitos humanos e a legalidade internacional, tantas veces e tan inutilmente aldraxados".
Noutro momento da súa invocación ao Apóstolo, referiuse ao drama da violencia de xénero, “que non nos cansaremos de condenar", apuntando a necesidade dun enfoque global “que conte coa implicación de particulares e institucións, que comece no fogar e na escola".
Protexer e preservar
O delegado rexio referiuse á crise climática, “que pode ter consecuencias irreversibles", e apuntou que “a natureza e o medio ambiente no que desenvolvemos a nosa vida son un don precioso que urxe protexer e preservar, para que este protexa e preserve a calidade de vida que desfrutamos", dixo.
Para Galicia, Santalices pediu “puntos de encontro e fuxir de posicións maximalistas para facer compatible a conservación do paraíso natural que nos rodea co desenvolvemento económico e social, que ven da man do emprego e a explotación dos recursos endóxenos".
Santalices tivo presente na súa invocación á xuventude, resaltando o potencial do coidado medioambiental como reto común interxeneracional, dado que “a conciencia ambiental, especialmente entre os máis xóvenes é unha feliz e crecente realidade, polo que seguramente é urxente dar pasos máis ambiciosos para frear esa potencial ameaza".
Vítimas
O presidente do lexislativo galego tivo tamén unhas palabras para as vítimas da recente traxedia dos mariñeiros en ultramar: “lembramos aquí hoxe, aos tripulantes falecidos e desaparecidos do palangreiro Argos Georgia nas Malvinas. O noso corazón está ao lado das súas familias, amigos e de toda xente mariñeira que de novo afronta a traxedia no mar", dixo.
O presidente do Parlamento de Galicia quixo que a ofrenda servise tamén como recordo e homenaxe “a todos os que xa non están connosco", lembrando ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois, ás vítimas do terrorismo e ás de calquera outra forma de violencia.
Para o Rei Felipe VI, o presidente do Parlamento desexou que “poida continuar desempeñando as funcións inherentes á Xefatura do Estado con acerto, exemplaridade e rectitude, as mesmas que caracterizaron durante a súa primeira década de reinado" e agradeceu o encargo de representalo na ofrenda, “ratificando deste xeito o seu afecto por Galicia".
Saúdos, Gabinete de Comunicación.