saltar ao contido

Declaración Institucional do Parlamento de Galicia

 
 
O respecto e a integridade dos dereitos humanos na República Dominicana están a pasar por momentos duros. Con demasiada frecuencia prodúcense execucións extraxudiciais, torturas e malos tratos, desaparicións forzadas e mesmo detencións arbitrarias, feitos que provocan un fondo dano e crean alarma social e constitúen, xunto coa corrupción policial, verdadeiros atentados contra a convivencia e o porvir democrático do pobo.
 
O caso de Juan Almonte Herrera é un exemplo paradigmático desta triste realidade. Juan Almonte, cidadán da República Dominicana e membro da ONG Comité Dominicano dos Dereitos Humanos, foi detido cando se dirixía a pé ao seu traballo en Santo Domingo o día 28 de setembro de 2009. Varias testemuñas identificaron a catro axentes do Departamento Antisecuestros da Policía Nacional como autores da detención.
 
A Segunda Sala do Penal do Distrito Nacional ordenou, días despois da detención de Juan Almonte, a súa inmediata posta en liberdade, facendo notar que o detido fora privado de liberdade sen a correspondente orde xudicial, mais a policía negou que se atopase baixo a súa custodia e declarouno prófugo.
 
Ata o día de hoxe, nin a familia nin os avogados do desaparecido recibiron comunicación oficial do estado en que se atopa a investigación, malia presentaren tres denuncias ante as autoridades en relación co seu secuestro.
 
A Comisión Interamericana de Dereitos Humanos considerou
inadecuada a resposta das autoridades dominicanas e solicitou da Corte Interamericana de Dereitos Humanos que ditasen medidas provisionais. En maio de 2010, a Corte solicitaba das autoridades dominicanas que emprendesen todas as accións necesarias para protexer a vida, a liberdade e a integridade de Juan Almonte e que adoptasen medidas de protección efectivas para os seus familiares, mais a resposta ofrecida pola República Dominicana derivou nas severas críticas da propia Comisión Interamericana de Dereitos Humanos.
 
Ana Montilla, a compañeira de Juan Almonte, estivo en datas recentes en Galicia, onde mantivo diversas xuntanzas con diversos colectivos e organizacións para dar a coñecer o caso da desaparición de Juan Almonte e para expoñer como está a situación dos dereitos humanos na República Dominicana e para solicitar a mediación das institucions galegas.
 
Por todo iso, o Parlamento Galego acorda:
 
Manifestar ao Goberno do Estado a preocupación pola desaparición do activista dos dereitos humanos Juan Almonte Herrera e solicitarlle que realice as xestións oportunas perante as autoridades da República Dominicana co obxecto de clarificar o acontecido, determinar o seu paradoiro e asegurar a súa plena liberdade.
 
A gravidade da situación coñecida até o momento demanda unha exhaustiva investigación imparcial para o total esclarecemento destes feitos, que se fagan públicos os resultados da dita investigación, e que as persoas responsables sexan postas á disposición da xustiza.
 
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2013
 

 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina