• Os presidentes do Parlamento de Galicia e de Afundación asinaron un protocolo que senta as bases para futuras iniciativas de colaboración
• A colección de arte do Parlamento conta con 236 obras de 84 autores, mentres que o patrimonio artístico e cultural de Afundación está integrado por 5.561 obras de 2.249 artistas
Santiago, 28 de maio de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, e o presidente da Fundación Galicia Obra Social, Afundación, Miguel Ángel Escotet Álvarez, asinaron hoxe un protocolo no que as dúas entidades se comprometen a colaborar na promoción das súas respectivas coleccións de arte a través de iniciativas como a organización de exposicións, o intercambio de pezas ou a realización de estudos que redunden na difusión da arte e a cultura galegas, entre outras.
A colección de arte do Parlamento está integrada por un total de 236 obras de 84 autores diferentes. Trátase dunha das coleccións máis valiosas e variadas de arte galega contemporánea, integrada fundamentalmente, por pintura e escultura, que a Cámara aspira a seguir divulgando dentro da súa aposta pola apertura da institución, pero tamén como contribución á promoción da cultura galega.
O patrimonio artístico e cultural de Afundación conforma unha das coleccións corporativas máis importantes de España. Este fondo artístico está integrado por 5.561 obras de 2.249 autores diferentes, desde o século XIX, e con orixe tanto dentro como fóra de Galicia. Foi declarada BIC en 2015.
Logo da reunión celebrada no seu despacho, o presidente do Parlamento acompañou ao presidente de Afundación nunha visita a algunas das obras da colección de arte da Cámara galega.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.