Santalices: “Otero Pedrayo constitúe un referente ético e intelectual de primeira orde"
Santiago, 17 de abril de 2026.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, situou hoxe a Ramón Otero Pedrayo como “un referente ético e intelectual de primeira orde", no transcurso da xornada que acolleu o IES Otero Pedrayo de Ourense, dentro das actividades coas que se conmemora a celebración do Ano Oteriano.
“Falar de Ramón Otero Pedrayo é falar dunha Galicia que pensa, que sente e que se proxecta no mundo con identidade propia", defendeu o xefe do Lexislativo, quen lembrou a figura do polifacético intelectual galeguista “comprometido co seu tempo e o seu país".
O xefe do Lexislativo destacou na súa intervención o papel fundamental da educación para formar persoas comprometidas e conscientes da súa realidade en centros como no que se celebrou a xornada, no que estudou e exerceu a docencia o propio Otero Pedrayo.
Para Santalices a celebración do Ano Oteriano supón o recoñecemento máximo dun país a unha figura clave que soubo vincular o galeguismo coa defensa dunha cultura universal desde a súa amada Trasalba. E, neste sentido, animou a participar nas actividades deste ano e camiñar pola cidade coa mirada de Otero Pedrayo, “unha mirada chea de de curiosidade, de respecto e, sobre todo, de profundo orgullo por sermos herdeiros da súa palabra".
Saúdos, Gabinete de Comunicación