saltar ao contido

Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 22 de decembro de 2021


 
 
5.2 21382 (11/PNP-001944)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre o traslado por parte da Xunta de Galicia ao Goberno de España do rexeitamento das medidas previstas no texto de proposta do Regulamento de control da pesca 1224/2009
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 202, do 22.09.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España:
 
1.- Trasladar durante as negociacións nos trílogos do Regulamento de Control da Pesca (CE) 1224/2009, o rexeitamento ás medidas contempladas, especialmente as referentes á pesca costeira artesanal e, de forma específica, as referidas á obrigatoriedade de instalación de cámaras a bordo a obrigación de instalar o Diario Electrónico de Pesca na frota artesanal e a imposición da xeolocalización en barcos de máis de 4 metros de eslora.
 
2. Frear e deixar sen efecto as accións conducentes á aplicación das medidas recollidas no texto de proposta de modificación do Regulamento de Control, con especial referencia á licitación do desenvolvemento e mantemento dunha aplicación para a comunicación de capturas, declaración de desembarque e xeolocalización da frota pesqueira a pequena escala (Expediente: 2021/ SP10019) e daquelas actuacións relacionadas coa instalación de CCTV”.  
5.3 25725 (11/PNP-002323)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre o compromiso e apoio do Parlamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia e o rexeitamento das iniciativas que promovan a independencia de Galicia ou de calquera outra comunidade autónoma de España
Publicación da iniciativa polo procedemento de urxencia, BOPG n.º 239, do 10.12.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
 “O Parlamento de Galicia manifesta, ao cumprirse o 40ª aniversario da constitución do seu primeiro Parlamento democrático, o seu compromiso e apoio á vixente Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia e, polo tanto, o seu rexeitamento a calquera iniciativa que promova a independencia de Galicia ou de calquera outra Comunidade Autónoma de España, xa que con iso se pon en risco o marco de convivencia que todos os españois nos demos e que garante o autogoberno de Galicia.”
5.6 25833 (11/PNP-002335)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 4 máis
Sobre a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno central da rectificación da modificación de horarios do tren Avant A Coruña-Ourense e da supresión do tren Lugo-Ourense, así como da recuperación de liñas suprimidas
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 239, do 10.12.2021
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento Galego insta á Xunta de Galicia a demandar do goberno central:
 
1.- O mantemento da liña Avant Coruña-Ourense con saída ás 6:30 da mañá e chegada ás 7:38 e a revisión dos horarios de cara a favorecer a mobilidade entre Coruña, Santiago, Ourense e viceversa nos horarios laborais habituais permitindo o desprazamento e chegada nas primeiras e últimas horas da mañá e da tarde compatibilizando a conexión interior coa conexión coa meseta e coas novas conexións de AVE entre Ourense e Madrid
 
2.- O cumprimento do acordo unánime do Pleno do Parlamento Galego do pasado 7 de febreiro de 2018 sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación coas necesidades existentes e as melloras necesarias no transporte ferroviario entre Ourense, Santiago de Compostela e A Coruña, esixindo que no prazo de dous meses se negocie con Galicia un calendario de cumprimento
 
3.  A reposición inmediata das liñas de ferrocarril suprimidas baixo a desculpa da covid-19
 
4.- Ampliar de xeito inmediato o cadro de persoal, principiando por cubrir as prazas vacantes, que permitan garantir o funcionamento axeitado de todos os servizos, especialmente no relativo á necesaria corrección do déficit de maquinistas, de especialistas de operacións comerciais de información e venda presencial, persoal de control de acceso e persoal de atención aos viaxeiros”.

Saúdos, Gabinete de comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina