saltar ao contido

O Parlamento de Galicia acolle o próximo luns unha xornada de traballo sobre modelos institucionais rexionais

• A actividade, que será inaugurada por Pilar Rojo, enmárcase no programa do grupo de traballo que o Parlamento de Galicia coordina no seo da CALRE
 
• Asistirá a presidenta da CALRE, a belga Françoise Dupuis

Santiago, 2 de xuño de 2013.- O Parlamento de Galicia acollerá, o próximo luns, 8 de xullo, unha xornada técnica  sobre “Modelos Institucionais Rexionais – Democracia Rexional”, enmarcada no programa do grupo de traballo que a Cámara galega coordina no seo da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa (CALRE). A Escola Galega de Administración Pública colabora tamén na organización desta actividade.
 
A xornada será inaugurada pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e contará coa asistencia da actual presidenta da CALRE, Françoise Dupuis, presidenta do Parlamento da rexión de Bruxelas Capital.
 
A xornada comezará cun relatorio sobre “Os modelos institucionais de democracia rexional nos estados federais: a versatilidade do estado federal”, a cargo de Néstor Pedro Sagüés, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade de Buenos Aires e na Pontificia Universidade Católica Arxentina, sede Rosario.
 
De seguido, celebrarase unha mesa redonda, moderada polo letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, José Antonio Sarmiento, que contará coa participación de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela; o catedrático Néstor Pedro Sagüés; Ignacio Navarro Méndez, letrado do  Parlamento de Canarias; e Cristina Ares Castro-Conde, profesora contratada doutora do Departamento de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela.
 
A xornada rematará cunha conferencia de Ignacio Navarro Méndez titulada “O funcionamento da democracia rexional en España desde a perspectiva dun Parlamento autonómico: posibles melloras institucionais”.
 
As conclusións desta xornada técnica serán incorporadas ao documento do grupo de traballo sobre “Modelos Institucionais Rexionais” coordinado polo Parlamento de Galicia no seo da CALRE.  O Parlamento de Galicia agradece a colaboración da EGAP na organización desta xornada, na que tamén poderán participar empregados públicos.
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina