• O programa Comenius Regio, no que participan alumnos galegos e gregos, conta coa colaboración da Cámara autonómica
• O vicepresidente do Parlamento, Miguel Santalices, mantivo unha reunión cos participantes nesta iniciativa
Santiago, 19 de novembro de 2013.- Os coordinadores do proxecto europeo Comenius Regio, que busca mellorar a empregabilidade de alumnado con risco de exclusión social e/ou abandono escolar, visitaron hoxe o Parlamento de Galicia dentro do plan de actividades a realizar ao longo dos dous anos de duración deste programa. Durante a xornada, mantiveron un encontro co vicepresidente primeiro do Parlamento, Miguel Santalices.
Participan nesta iniciativa alumnos do IES Campo de San Alberto de Noia e dun centro de ensino secundario da rexión grega de Magnesia. Este proxecto europeo está impulsado, en Galicia, pola Consellería de Educación e o Concello de Lousame, coa colaboración do Parlamento de Galicia.
Enriquecer a oferta formativa
Durante os dous anos de duración deste programa, os mozos que participan nel ven enriquecida a oferta educativa con actividades encamiñadas a mellorar as súas futuras competencias profesionais e a aprendizaxe cooperativa, ademais de potenciar a implicación das familias e demais integrantes da comunidade educativa.
O Parlamento de Galicia colabora na organización deste programa europeo, ao tempo que cede as súas instalacións para a celebración de algunhas das actividades formativas previstas.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.