• Participou esta tarde en Bruxelas nunha reunión do grupo de traballo da CALRE sobre a Subsidiariedade
• Pide “traballar xuntos para contribuír ao bo funcionamento lexislativo da UE” e “aunar esforzos en defensa da subsidiariedade”
Santiago, 27 de marzo de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE 2014, Pilar Rojo Noguera, animou hoxe a todos os parlamentos rexionais a esforzarse para “incentivar” a participación dos cidadáns aos que representan -200 millóns de habitantes- nos próximos comicios europeos para que, deste xeito, “refrenden a fortaleza e lexitimidade democrática do proxecto de integración europeo”.
Rojo Noguera efectuou este chamamento en Bruxelas, onde esta tarde participou, como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas, nunha reunión do grupo de traballo da CALRE sobre a Subsidiariedade. Este principio resulta clave para os intereses dos entes territoriais, o papel dos cales foi expresamente recoñecido polo Tratado de Lisboa en base a este principio que preconiza a intervención da administración máis próxima ao cidadán.
A subsidiariedade, clave na democracia europea
Recordou a titular do Parlamento de Galicia que a CALRE, desde a súa fundación en Oviedo no ano 1997, se ten comprometido co respecto e consolidación do principio de subsidiariedade na Unión Europea. “En cumprimento e aplicación do principio de subsidiaridade e proporcionalidade, as institucións rexionais deberán converterse nun elemento fundamental da democracia europea, especialmente pola súa proximidade aos cidadáns”, afirmou Pilar Rojo.
A presidenta da CALRE 2014 avogou por un esforzo compartido de todos os parlamentos rexionais europeos, aos que animou a “traballar xuntos para contribuír ao bo funcionamento lexislativo da UE”.
Aunar esforzos en defensa da subsidiariedade
E, nesta liña, animou aos membros da CALRE a participar na Rede de Seguimento da Subsidiariedade do Comité das Rexións, no marco dunha estratexia encamiñada a “aunar esforzos a escala europea en defensa da subsidiariedade”.
Pilar Rojo agradeceu o esforzo que está a desenvolver o presidente do grupo de traballo de Subsidiariedade e presidente do Consello Rexional de Lombardía, Raffaele Cattaneo; e valorou a implicación da delegación italiana, xa que catro dos cinco grupos de traballo que integran a CALRE 2014 teñen presidentes desa nacionalidade.
Durante a xornada de mañá, venres, Pilar Rojo, presidirá, tamén en Bruxelas, na sede do Comité das Rexións, a reunión do primeiro Comité Permanente da CALRE 2014 no que, ademais de asuntos de carácter organizativo, se presentará a axenda e o programa de traballo da entidade para este exercicio e un primeiro informe sobre a actividade desenvolvida pola presidenta desde que asumiu esta responsabilidade, no pasado mes de xaneiro.
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.