saltar ao contido

Alumnado de Cee, O Porriño e Marín resulta gañador do Concurso Escolar do Parlamento de Galicia

· Na modalidade de Educación Infantil resultou gañador un grupo de alumnas do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee; alumnas do CPR Santo Tomás do Porriño gañaron en Educación Primaria; mentres que alumnado do IES Mestre Landín de Marín resultou gañador na modalidade de Educación Secundaria.
· O fallo do xurado foi adoptado por unanimidade
 
Santiago, 4 de xuño de 2015.- O xurado encargado de seleccionar aos gañadores e finalistas do Concurso Escolar 2014-2015 do Parlamento de Galicia acordou, por unanimidade, a concesión dos galardóns a centros educativos de Cee, O Porriño e Marín, mentres que resultaron finalistas alumnos/as de Cee, Castrelo de Miño e Negreira.
 
A entrega dos premios desta V edición do Concurso Escolar do Parlamento, convocada baixo o lema "En busca da Igualdade", celebrarase na sede do lexislativo galego o vindeiro 12 de xuño.
 
Gañadores
 
A acta do xurado reflicte que na modalidade de Educación Infantil resultou gañador un grupo de catro alumnas do 2º ciclo de  educación infantil (aula de 4 anos) do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee (A Coruña). Presentaron ao concurso o deseño dunha camiseta.
 
Tamén en Educación infantil o finalista é un grupo de catro  alumnos/as do 2º ciclo de Educación Infantil (aula de 5 anos)  do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, que se presentaron ao concurso cun relato curto.
 
Na modalidade de Educación Primaria, o premio correspondeu a catro alumnas de 6º de Educación Primaria do CPR Santo Tomás do Porriño (Pontevedra), por un vídeo. Resultaron finalistas alumnos/as de 6ª de Primaria do CEIP Castrelo de Miño (Ourense) por un relato curto.
 
Xa en Educación Secundaria, o premio correspondeu a alumnado de 2ºC de ESO do IES Mestre Landín de Marín (Pontevedra) por un vídeo. O premio finalista correspondeu a un grupo de alumnos/as de 3ºA de ESO do IES Xulián Magariños de Negreira (A Coruña), que concursou cun vídeo.
 
A acta do xurado, así como os traballos premiados poden consultarse na web do Parlamento de Galicia: http://www.parlamento.gal/sitios/web/contenidogal/documentosdeinterese/ConcursoEscolar.aspx.
 
Traballos colectivos
 
As bases da convocatoria determinaban que os traballos presentados deberían versar sobre aspectos relacionados coa Igualdade  e cada un deles debería ser elaborado, obrigatoriamente, por un grupo de catro alumnos, esixencia orientada a incentivar o traballo en equipo. Cada clase só podía presentar a concurso un traballo e cada centro educativo podía participar cun máximo de cinco  traballos por cada unha das etapas educativas ás que se vai dirixida a convocatoria.
 
Cada grupo podía elixir a técnica de expresión creativa desexada: deseño dunha camiseta, relato curto, fotografías, vídeo ou vídeo xogo.
 
Premios
 
Prevese un primeiro premio por cada un dos grupos gañadores nos tres niveis educativos, con independencia da técnica empregada (unha táboa dixital e un lote de libros para cada alumno ou alumna); e un segundo premio para cada un dos grupos finalistas (MP5 e un lote de libros para cada un dos alumnos e alumnas).
 
As clases dos grupos gañadores recibirán como premio unha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia. Cada profesor ou profesora que supervisaran os traballos gañadores serán galardoados cunha táboa dixital, mentres que os docentes que supervisaran os traballos finalistas recibirán un MP5 e un lote de libros. 
 
O centro educativo de cada grupo gañador recibirá 2.000 euros para destinar á organización de actividades extraescolares ou da biblioteca escolar. Este premio non é acumulable.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina