• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou en Santiago o 34 Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Ocular Implanto-Refractiva
Santiago, 23 de maio de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, alabou esta mañá a excelencia da oftalmoloxía galega e española, “unha referencia mundial”.
Santalices Vieira inaugurou esta mañá en Santiago o 34 Congreso da Sociedade Española de Cirurxía Implanto-Refractiva, onde recordou as orixes do actual Sistema Nacional de Saúde, derivado do artigo 43 da Constitución que recoñece o dereito á protección da saúde. Trátase, ao seu xuízo, dun éxito colectivo sen parangón que fixo aflorar un dos mellores sistemas sanitarios públicos do mundo.
O presidente do Parlamento lembrou a transformación deste sistema, que pasou dun modelo conmutativo a outro distributivo que garante a asistencia universal. E recordou que a transferencia das competencias sanitarias a Galicia “permitiu adaptarnos á nosa realidade”.
Santiago, capital da oftalmoloxía
Santalices tivo palabras de agradecemento para a Sociedade Española de Cirurxía Ocular Impanto-Refractiva e o seu presidente, o Dr. Ramón Lorente Moore, por ter elixido Santiago de Compostela como sede deste congreso e converter á cidade na “capital da oftalmoloxía”.
O presidente do Parlamento felicitouse da participación no acto inaugural do profesor Sánchez Salorio, do que destacou a súa vocación docente e a súa condición de médico humanista.