saltar ao contido

O presidente do Parlamento pide “que a procura do ben común sexa obxectivo permanente dos servidores públicos”

 
• Santalices Vieira presentou a ofrenda ao Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, na que fai presentes a Vigo, a Galicia e a España, “para que sempre atopemos espazos de encontro e prosperidade”
 
• “Arroupa, Santísimo Cristo, a esta vila de Bouzas e á súa xente, íntegra, honesta e traballadora”
 
Santiago, 21 de xullo de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, presentou este domingo, a tradicional ofrenda ao Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, unha cerimonia  na que pediu “que a procura do ben común sexa obxectivo permanente dos servidores públicos para xestionar con acerto e xustiza os seus respectivos ámbitos de decisión”.
 
Santalices tivo presentes aos emigrantes galegos e aos migrantes e fixo votos para que a recuperación económica “chegue a todos”.
 
Recordou o oferente a fasquía mariñeira do santuario de San Miguel de Bouzas, onde rogou pola xente do mar. “Para Bouzas –afirmou o oferente-, o mar foi sempre fonte de vida e de sustento e así che pedimos que continúe acontecendo no futuro”.
 
Neste ámbito, Santalices fixo votos para que o sector teña ao seu dispor “caladoiros abondosos en peixe que abasteza os mercados e, tamén a industria de transformación”. Avogou por  “estaleiros a pleno rendemento que proporcionen postos de traballo, innovación e prosperidade e toda a contorna” e un “bordo litoral propio do século XXI, no que ocio e ecoloxía discorran da man para que uns e outros pidamos desfrutar dun entorno único”.
 
A xente de Bouzas
 
Tivo o oferente verbas de agarimo para a contorna na que se celebra este acto. “Arroupa, Santísimo Cristo,  a cantos integran esta vila de Bouzas, aos que foron, aos que son e aos que serán; aos que teñen aquí as súas raíces, e aos que, tendo nacido fóra, fixeron de Bouzas o seu universo vital. Xente íntegra, honesta e traballadora, que coñece o valor do esforzo, porque elas e eles se esforzan cada día”.
 
Santalices Vieira rematou a ofrenda pedindo “por Vigo, por Galicia e por España, para que sempre atopemos espazos de encontro e de prosperidade”. “Pedímosche por Europa e polo mundo enteiro –agregou-, para que a confrontación, os extremismos e o individualismo abran paso a novas formas de entendemento”.
 
O  presidente do Parlamento de Galicia foi convidado a pronunciar a ofrenda pola Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina