Na reunión desta mañá, a Mesa da Deputación Permanente acordou, declarar caducados todos os acordos pendentes de exame e resolución pola Cámara, agás os seguintes:
• Aqueles que, estatutariamente e regulamentariamente, lle corresponde coñecer á Deputación Permanente.
• As peticións individuais ou colectivas que os cidadáns teñan presentado ante o Parlamento.
• As proposicións de lei de iniciativa lexislativa popular que se atopan pendentes:
- Proposición de lei de iniciativa popular, de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia (doc. núm. 339, 10/PPLI-000001).
- Proposición de lei de iniciativa popular, de loita contra o cambio climático a nivel autonómico para a mellora do bosque autóctono e a recuperación do medio rural sostible (doc. núm. 56526, 10/PPLI-000005).
- Proposición de lei de iniciativa popular, reguladora dos comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios (doc. núm. 60152, 10/PPLI-000006).
• Os informes dos órganos pendentes de tramitación e singularmente:
- A Memoria do Consello de Contas de 2018 (doc. núm. 52969; 10/MCON-000004.)
- Os informes de fiscalización que acompañan a Memoria do Consello de Contas (doc. núm. 52969; 10/ICON-000004).
- O Plan anual de traballo do Consello de Contas de Galicia para o ano 2020 (doc. núm. 60307, 10/CPAT-000004).
- Dación en conta ante a comisión do estado de execución do orzamento (doc. núm. 60400, 23.12.2019; 10/ESEX-000014).
- Dación de conta ante a comisión da situación das operacións de crédito e préstamos vixentes a 30 de xuño de 2019 e a información sobre os avais vixentes correspondentes ao mesmo período (doc. núm. 52961; 10/IIGA-000011).
• O procedemento de designación dunha conselleira ou dun conselleiro do Consello de Contas por falecemento de dona Beatriz Rodríguez Fraga (doc. núm. 53954, 20.08.2019; 10/DMCC-000002).
• Os procedementos de control do principio de subsidiariedade nos proxectos lexislativos da Unión Europea.
Desde a entrada en vigor do decreto de disolución do Parlamento, os deputados titulares e suplentes da Deputación Permanente prorrogan as súas funcións ata a constitución do novo Parlamento.
Os restantes deputados e deputadas perden esa condición. Atendendo unha solicitude unánime de todos os grupos parlamentarios, a Mesa da Deputación Permanente acordou aboarlles, ata a data de celebración das Eleccións ao Parlamento de Galicia, unha indemnización compensatoria equivalente á asignación fixa contemplada no réxime económico (2.067,13 € brutos/mes, suxeitos a tributación), incompatible con calquera outra retribución. Ao deixar o Parlamento de Galicia, os deputados non teñen dereito a prestación por desemprego. A indemnización acordada é considerablemente inferior á determinada noutras Cámaras para casos similares.
A modo de exemplo, o Parlamento Vasco contempla, para os deputados que teñan desempeñado esa responsabilidade durante polo menos un ano, unha indemnización de cese por renuncia equivalente a unha retribución mensual. Dispoñen dunha remuneración de transición entre lexislaturas (fixada en 9.893,36€ en agosto de 2016, ao remate da X Lexislatura). E, a maiores, para suplir a ausencia de prestación por desemprego, o seu Regulamento contempla unha prestación económica temporal, equivalente ao 40% da mensualidade do salario base do deputado, cunha duración mínima de tres meses e máxima de doce.
Equipamento informático
A Mesa da Deputación Permanente tamén acordou iniciar o procedemento de contratación para a adquisición de material informático para o Parlamento de Galicia. A licitación inclúe nun único lote os ordenadores destinados ao persoal do Parlamento en situación de teletraballo e aos deputados de deputados da vindeira lexislatura.
A licitación nun lote único busca reducir o importe da adxudicación, sen limitar a concorrencia. É dicir, ao tratarse dun lote maior, agárdanse mellores ofertas económicas por parte das empresas. Non se renovan as impresoras, xa que se seguirán utilizando as da lexislatura que remata.
Esta licitación responde á necesidade de dispoñer con urxencia de equipos de substitución para o persoal con teletraballo e para os deputados da XI Lexislatura.
O Servizo de Tecnoloxías da Información do Parlamento ten advertido que os equipos que utiliza o persoal con teletraballo están obsoletos debido á súa antigüidade e que os que utilizaron os deputados na X Lexislatura quedarán obsoletos este mesmo ano, ao perder a garantía e o servizo de soporte ante avarías. Unha vez que os equipos carecen de mantemento por parte do fabricante xorden problemas de seguridade e privacidade. No caso de aparecer vulnerabilidades críticas, non existirían correccións para as mesmas.
O Parlamento de Galicia está obrigado, en virtude do Esquema Nacional de Seguridade e da propia política de seguridade da institución, a dispoñer de equipamento actualizado cos últimos parches de seguridade que eviten vulnerabilidades.
A antigüidade e obsolescencia destes equipos, unida ao feito de que podan conter datos de carácter persoal, aconsella que podan ser adquiridos, ao remate da Lexislatura, polos seus usuarios. O hipotético aforro que podería lograrse coa entrega dos equipos vellos veríase contrarrestado/anulado polo notable incremento da carga de traballo que implica o baleirado/formateado individualizado de cada un deses equipos por parte dos servizos técnicos do Parlamento de Galicia. Súmanse, a maiores, os problemas derivados da obsolescencia e da ausencia de soporte técnico para os equipos antigos.
O prezo de adquisición dos equipos antigos foi determinado polos servizos técnicos do Parlamento a partir do seu valor residual, tomando como base o prezo de adquisición inicial (960,53 euros) e o tempo durante o que os equipos contan con servizo de soporte e mantemento ante avarías. O valor residual de cada equipo quedou fixado en 220,12 euros a xaneiro de 2020, importe que deberán aboar os deputados que opten por adquirir os portátiles que viñan utilizando.
O artigo 55 do Regulamento do Parlamento de Galicia sinala que “A Deputación Permanente velará polos poderes da Cámara cando estea expirado o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto ou non estea reunido por vacacións ou por calquera causa de forza maior que impida reunir o Pleno (...)”.
Saúdos, Gabinete de Comunicación.