saltar ao contido

O Parlamento de Galicia conmemorará o seu 40 aniversario cunha sesión solemne o 19 de decembro

 
• Contará coa intervención dos portavoces dos tres grupos parlamentarios, o presidente do Parlamento e o presidente da Xunta

Santiago, 7 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia celebrará o vindeiro 19 de decembro, domingo, unha sesión solemne para conmemorar o seu 40 aniversario. A convocatoria formal foi cursada este martes ás deputadas e deputados da Cámara, ao tempo que se prevé convidar ás principais autoridades da Comunidade.
 
A sesión comezará ás 12,30 h. e contará coas intervencións dos portavoces dos tres grupos parlamentarios con representación na Cámara galega, do presidente da Xunta e do presidente do Parlamento de Galicia.
 
Durante a sesión, que poderá seguirse en directo a través da web do Parlamento de Galicia e das pantallas da Televisión de Galicia, efectuaranse cadansúa conexión coas dúas sedes provisionais  nas que estivo instalado o Parlamento de Galicia antes de se trasladar o edificio actual e definitivo, o Pazo do Hórreo.
 
O Parlamento de Galicia constituíuse o 19 de decembro de 1981 no Pazo de Xelmírez, cedido polo Arcebispado de Santiago e, seis meses despois, pasaría a reunirse no Pazo de Fonseca, cedido pola Universidade de Santiago, onde permanecería ata marzo de 1989.
 
Programación plural
 
A conmemoración do 40 aniversario do Parlamento enmárcase na programación impulsada pola Cámara para recordar os 40 anos da Autonomía de Galega, actividades que botaron a andar o pasado 6 de abril, no aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía coa entrega das Medallas do Parlamento á Xeración Nós. Xa o 12 de abril celebrouse unha xornada  titulada “Catro décadas de autonomía de Galicia. Retos e oportunidades”, inaugurada polo presidente do Tribunal Constitucional. A esta xornada seguiron outras actividades semellantes con participantes diversos e sempre desde unha óptica de pluralidade.
 
Días antes da sesión solemne conmemorativa, o 15 de decembro, o Parlamento de Galicia abrirá na súa sede unha exposición divulgativa, comisariada polo historiador Ramón Villares, que permitirá facer un recorrido polos dos 40 anos da historia da Cámara galega.
 
Para dar visibilidade aos 40 anos da institución, a Cámara galega usará, durante os vindeiros 12 meses un logotipo conmemorativo que recorda os anos da vida do Parlamento desde unha alegoría gráfica do hemiciclo.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina