saltar ao contido

José Manuel Baltar súmase, en nome do Parlamento de Galicia, aos obxectivos da Campaña Mundial pola Educación

• O vicepresidente da Cámara subliña que “a educación é o medio máis importante para garantir que todos os nenos gocen das mesmas oportunidades na vida”
 
• O Parlamento de Galicia acolleu o acto central da Semana de Acción Mundial pola Educación de 2011, que reivindica o acceso a unha educación de calidade e gratuíta para todos os nenos do Mundo
 
Santiago, 6 de maio de 2011.- “A educación é un medio –eu diría que o medio máis importante- para garantir que tanto os nenos como as nenas gocen das mesmas oportunidades na vida”. Son palabras do vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia, José Manuel Baltar Blanco, no acto central da Semana de Acción Mundial pola Educación, celebrado hoxe na Cámara galega, como colofón dunha serie de actividades organizadas para reivindicar unha educación de calidade e gratuíta para todas as nenos e nenos do Mundo.
 
Baltar Blanco recordou os catro piares sobre os que se se sustenta o concepto de educación: aprender a coñecer, a aprender a facer, aprender a vivir xuntos e aprender, en definitiva, a ser.
 
O vicepresidente do Parlamento  felicitou e animou aos representantes da Campaña Mundial  pola Educación a “seguir traballando como ata agora, concienciando a toda a sociedade para que poida cumprirse o obxectivo de acadar, no ano 2015, unha educación para todos e todas”.

Educación para todos
No acto desenvolvido hoxe na Cámara tamén participaron, entre outros, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; a secretaria xeral de Igualdade, Marta González; e mailo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller.
 
ONG, sindicatos do ámbito educativo, centros escolares e movementos sociais de moi diverso signo respaldan a Campaña Mundial pola Educación, coincidindo en reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos da "Cumio de Dakar" do ano 2000, onde a comunidade internacional se comprometeu a garantir o acceso a unha educación de calidade para todos e todas antes do ano 2015.
 
A Campaña Mundial pola Educación naceu para que este compromiso internacional non pasase desapercibido. Por iso, o seu obxectivo é mobilizar á cidadanía para que esixan aos seus gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas e se responsabilicen do destino de millóns de persoas aos que se exclúe do dereito á educación.
 
A Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteras, Entreculturas, InteRed, Jovenes e Desarrollo, e Seminario Galego de Educación para a Paz.
 
No acto celebrado este mediodía no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia tomaron parte arredor de 70 alumnos de 10 centros educativos da Comunidade que amosaron  parte dos traballos que levan efectuado nos últimos meses a prol dos obxectivos da Campaña Mundial pola Educación.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas

saltar ao pe de páxina