Declaración institucional
Día Nacional das Linguas de Signos Españolas 2023
As persoas xordas teñen dereito a gozar dunha vida plena. A participar como iguais na actividade económica, social, política e cultural do noso país. A contar coas mesmas oportunidades sanitarias, educativas e laborais que o resto. As persoas xordas teñen dereito a ter dereitos.
E para iso son indispensables as linguas de signos. Nas familias, nas escolas, nos espazos de lecer, nos medios de comunicación, nos servizos públicos… Alí onde haxa unha persoa xorda deben estar as súas linguas como única garantía de accesibilidade lingüística. Porque os dereitos lingüísticos son a porta a través da cal a cidadanía xorda accede ao resto de dereitos. Porque sen as linguas de signos non os poden exercer.
A promulgación da Lei 27/2007 supuxo un gran avance nos dereitos deste colectivo que se foron consolidando e fortalecendo ao longo dos seus case dezaseis anos de vixencia. Con todo, non é suficiente. Non sen actos de aplicación específicos que aseguren o seu cumprimento de forma igualitaria en todo o territorio español, e contribúan a que esta norma sexa ben coñecida e utilizada.
Por todo o exposto, con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a Confederación Nacional de Xordos de España e a súa rede asociativa (entre elas, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia) queren lembrarnos a enorme transcendencia que as linguas de signos teñen na construción dos nosos proxectos vitais.
E, como tal, fan un chamamento ás distintas administracións a tomaren conciencia de que o progreso humano das persoas xordas, a súa plenitude e autorrealización, pasa por atender as súas necesidades e demandas respecto ao desenvolvemento efectivo dos seus dereitos lingüísticos, por situar as linguas de signos no eixo de calquera política pública, e por normalizar o seu uso como unha lingua máis.
É preciso acabar coas situacións de illamento e privación lingüística que, desde idades temperás, ameazan o exercicio da súa liberdade, a súa dignidade e a súa cidadanía. É preciso garantir o rigor lingüístico e a calidade das linguas de signos no acceso á información das persoas xordas e xordocegas. É preciso fomentar a protección das linguas de signos e equiparalas ao resto de linguas orais.
O Parlamento de Galicia únese á reivindicación para que o Regulamento polo que se desenvolve a Lei 27/2007 vexa por fin a luz. E con iso, o dereito para ensinar e aprender as linguas, tamén as linguas de signos. O dereito para elixir estas linguas sen que se penalice, nin discrimine por facelo. Ou, sinxelamente, o dereito para comunicarse.
LINGUAS DE SIGNOS PARA UNHA VIDA PLENA.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2023