• Pilar Rojo, presidenta da COPREPA, actuou como anfitriona dunha reunión na que tomaron parte os presidentes dos Parlamentos de Abruzzo, Veneto, Badem-Wüttemberg, Gales, Niederösterreichischen e do Parlamento Flamenco
• Rojo Noguera amósase convencida de que unha maior proximidade dos parlamentos rexionais aos cidadáns se traducirá tamén nunha maior eficacia do traballo das Cámaras
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2011.- Os presidentes das asembleas lexislativas de Abruzzo (Italia), Nazario Pagano; do Veneto (Italia), Clodovaldo Ruffato; de Badem-Wüttemberg (Alemaña), Willi Staechele; de Gales (Reino Unido), Rosemary Butler; Niederösterreichischen (Austria), Hans Penz; do Parlamento Flamenco (Bélxica), Jan Peumans; e a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, analizaron esta mañá en Santiago de Compostela diferentes fórmulas para avanzar na aplicación do principio de subsidiariedade desde as Cámaras autonómicas.
O Tratado de Lisboa contempla a posibilidade de que os parlamentos rexionais desenvolvan un papel activo no seguimento das decisións do Parlamento Europeo, en aplicación do principio de subsidiariedade, que plantexa que as decisións sexan adoptadas no escenario máis próximo aos cidadáns.
Este asunto forma parte da orde do día da reunión da Comisión Permanente da CALRE (Conferencia de Presidentes de Asembleas Lexislativas Rexionais de Europa), celebrada hoxe no Parlamento de Galicia, dado que Pilar Rojo ocupa este ano a Presidencia da Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA).
Rojo Noguera amósase convencida de que unha maior proximidade dos parlamentos rexionais aos cidadáns se traducirá tamén nunha maior eficacia do traballo parlamentario e, polo tanto, nun incremento do recoñecemento social do conxunto da clase política.
Outros asuntos
Na reunión celebrada en Santiago de Compostela, o presidente da CALRE presentou un informe sobre as actividades que está a desenvolver desde que asumiu esta responsabilidade; abordouse unha posible reforma do regulamento de funcionamento desta organización e o programa de traballo dun seminario que a CALRE organizará en Pescara (Italia) o vindeiro mes de xullo sobre a dinámica do rexionalismo europeo.
Descentralización en Europa
En declaración aos xornalistas, a presidenta do Parlamento de Galicia explicou que nesta reunión se abordou tamén unha proposta do presidente da CALRE, o italiano Nazario Pagano, encamiñada a “vender parlamentarismo e descentralización” no ámbito europeo e de cara a visualizar os efectos positivos das Cámaras lexislativas, como entes apegados á realidade dos cidadáns.
Recepción no Pazo de Raxoi
Pola tarde, a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera e mailo presidente da CALRE, Nazario Pagano, serán recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no Pazo de Raxoi.